A estratexia Dusi #Marín2020 encara 2021 cos seus grandes proxectos en marcha

A estratexia Dusi #Marín2020 encara 2021 cos seus grandes proxectos en marcha

Decembro 2020

Marín encara 2021 coa finalización de dúas das obras máis esperadas do municipio: o Paseo Alcalde Blanco e a Avenida de Ourense. A pesar da crise sanitaria, o Concello conseguiu cumprir todos os obxectivos da súa estratexia #Marín2020 e prepárase para avanzar na máis esperada, o gran auditorio. Todos estes proxectos enmárcanse na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado ( Edusi), que financia nun 80 % estas actuacións cos fondos Feder da Unión Eurropea, mentres que o 20 % restante son fondos municipais. Marín é un dos dez concellos de Galicia que teñen unha Edusi concedida xunto aos municipios de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago, Vilagarcía, Redondela, A Estrada, Ribeira e Lalín.

O PASEO ALCALDE BLANCO. A reforma do Paseo Alcalde Blanco deu comezo o pasado mes de decembro co obxectivo de convertelo nun miradoiro ao mar e un ” espazo agradable, verde, humanizado, con mellor iluminación e con opcións de lecer para todas as idaes”, en palabras da alcaldesa María Ramallo. A intervención, que dá continuidade a a remodelación da parcela da Praza de España, comezou hai unhas semanas coa firma da acta de reformulo e espérase que avance proximamente. A súa renovación contempla unha mellor integración co mar e a finalización da punta, onde se situará un novo local de hostalería baixo unha concesión municipal, que contará cun deseño integrado coa contorna e grandes ventás para permitir o goce das vistas por todos os usuarios, explican desde o Goberno local. O proxecto inclúe a creación dunha zona de transición a modo de bancada e áreas verdes que sirvan de barreira visual fronte á infraestrutura portuaria que colinda co paseo.

A AVENIDA DE OURENSE. Este 2021 contempla tamén a finalización do esperado paseo da Avenida de Ourense, onde se finalizou o pasado mes de setembro a renovación do antigo colector e o servizo de saneamento, tras dous anos de obras. Esta intervención esencial supuxo un investimento de máis de tres millóns de euros e permitirá evitar que chegue un caudal excesivo á Depuradora de Praceres. A fase final deu comezo nas últimas semanas do ano de ano con a humanización da zona visible do vial, considerado como a columna vertebral do municipio. Esta intervención supón a renovación completa de todo o pavimento e a creación dun carril bici, de novos espazos verdes e de descanso e a mellora da eficiencia enerxética. Conta con un prazo de execución de doce meses e un orzamento de licitación de 1,4 millóns de euros.

O AUDITORIO. A obra máis ambiciosa do municipio, o auditorio, terá que esperar un pouco máis para ver a luz. O equipo redactor do proxecto, a empresa NAVES, presentou recentemente o proxecto definitivo á Corporación local e está previsto que pronto se poida convoca unha xornada de participación pública ao redor de ditas obras. Este espazo cultural contará con un aforo de 550 persoas, situarase nunha parcela de 2.000 metros cadrados, cedida en uso polo Porto de Marín, e inclúe ademais a creación dun aparcamento subterráneo de 700 metros cadrados. O orzamento total de execución será de catro millóns de euros, que serán financiados en dous millóns pola Xunta e outros dous polos fondos Feder.

#MarinDUSI  #UnaManeraDeHacerEuropa #FEDER