Unha das principais ferramentas de investimento con que conta a Unión Europea para a implementación da Estratexia Europa 2020 é a política de cohesión que, á súa vez, ten como obxectivo fortalecer a cohesión económica, social e territorial dentro da Unión Europea a través da corrección dos desequilibrios entre as diferentes rexións. En consonancia coas prioridades e os obxectivos da Estratexia Europa 2020 e para maximizar o impacto da política de cohesión, a Unión Europea estableceu para esta once obxectivos temáticos, arredor dos cales se concentrarán os investimentos da Unión Europea que se realizarán a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo de Cohesión (FC). Os devanditos obxectivos temáticos trasladaranse ao contexto nacional de cada un dos Estados membros e concretaranse a través dos programas operativos. En España os investimentos da Política de Cohesión da Unión Europea que se canalizan a través do FSE e o FEDER concrétanse en programas operativos de carácter rexional e plurirrexional.